jueves, octubre 18, 2007

De novo na rede

Despois de dous meses de penurias informaticas e de conexión a internet, parece que a cousa xa se vai normalizando, a partires de agora poderei actualizar o blog con normalidade, outra cousa e que non sexan moitas as novas no Val, probablemente por causa deste eterno anticiclón que xa comenza a preocupar.
As novas mais destacables nestes últimos 15 días nas que saín regularmente polo Val foron a descuberta por parte de Adolfo Lomeña dun ganso de cara negra Branta bernicla hrota o que supón a primeira cita para o Val deste raro ganso que mesmo e rareza a nivel do estado.

Ganso de cara negra de primeiro inverno na praia da Madorra, Nigrán o 30.09.07

A primeiros de mes tamén tivemos a visita dun cullereiro Platalea leucorodia que descubriu Rafael Salvadores e que aproveitou uns días de descanso na marisma da Ramallosa.

O día 2 un par de Pilros gordos Calidris canutus era o mais destacable na praia de Patos. Este día tamén foi o primeiro en que apareceu un macho de faisan Phasianus colchicus nos arredores da casa, despois de varias observacións dun macho o día 9 ollei tamén unha femia.

Macho de faisan entre a erva.

O día 14 achegamonos Tito Salvadores e un servidor até o Esteiro do Miño donde a cousa está tamén moi frouxa, o mais destacable foi unha aguia peixeira Pandion haliaetus. De volta paramos no Cabo Silleiro onde o paso de mascatos Sula bassana era frouxo e só ollamos alguns furabuchos Puffinus mauretanicus pero o mais interesante foi sen dúbida un grupo de arroaces Tursiops truncatus que pasaba moi perto da costa en dirección norte, era o grupo mais grande que mirara nunca desta especie que con seguridade sobrepasaba de lonxe os 50 individuos. No cabo un pedreiro cincento Oenanthe oenanthe. Por último paramos na praia de Arealoura donde ollamos un bo grupiño de 14 pillaras papudas Charadrius alexandrinus.

Pedreiro cincento Oenanthe oenanthe, un dos últimos migrantes deste cálido outono

Por último, hoxe voltei sair dar unha voltiña dende cabo silleiro até a praia de Arealoura, en Silleiro bo paso de mascatos Sula bassana con 350 aves/hora, duas pardelas cincentas Calonectris diomedea, 29 furabuchos Puffinus mauretanicus en dirección norte e o primeiro carolo Alca torda da tempada. O susto do día deumo este tecelán Eucleptes hordeaceus que mixturado nun bando de sirins Serinus serinus apareceu voando e reclamando mentres polo meu cerebro pasaban as especies mais raras de toda norteamerica..en fin que só se trataba dun pobre fuxido dalgunha gaiola e non dun divagante de Sudafrica de onde e orixinario. No cabo tamén un grupo de 40 virapedras Arenarias interpres e 5 Pilros gordos Calidris canutus na praia de Silleiro un pedreiro cincento Oenenthe oenanthe acosando un visón americano Mustela vison todo un espectaculo.

O tecelán vermello, que se ben non e ningunha rareza dende logo non pasa desapercibido nunha festa

Na praia de Arealoura a primeira gaivota cana Larus canus do periodo invernal, un ave de primeiro inverno.

Gaivota cana de 1º inverno nas boias da praia.

Continuando con novas de exoticas, os patos criollos de Arealoura andan ainda a estas alturas con pitiños pequenos.