domingo, noviembre 05, 2006

control de aves mariñas dende cabo Silleiro

Onte sábado pola mañán houbo xornada RAM, control simultaneo de paso de aves mariñas dende os cabos. Acompañoume Pablo da CEMMA (Centro de Estudos de Mamíferos Mariños), o pobre non se comeu un rosco, nin o primeiro golfiño apareceu nas tres horas de observación, algo mellor sorte tiven coas aves, o mar estaba en calma e o vento era moi frouxo, non son as mellores condicións para un bo día de paso pero estivo entretido con algunha sorpresa.
O paso de mascatos Sula bassana foi de 900 aves en tres horas en dirección sur, despois números moi discretos de pentumeiros Melanita nigra con 47 exemplares, 22 carolos Alca torda, 40 furabuchos Puffinus mauretanicus, 1 pardela cincenta Calonectris diomedea e o mais interesante 4 pardelas encapuchadas Puffinus gravis moi cerca da costa (unha delicia) e unha Gaivota tridáctila Rissa tridactyla adulta.
Por outra banda o venres a mediodía coa preamar controlei un bo grupo de laridos no regato de Muiños, praia de Arealoura, o primeiro que me sorprendeu foi o número de gaivotas cabecinegras Larus melanocephalus "83 exemplares" dos que cinco estaban anelados. A maior sorpresa foi que hoxe o abrir o correo teño un mail da historia das aves aneladas, todas con anelas verdes, unha 155 (francesa) controlada en febreiro por Toñete na ría do Burgo , outra 30P que pasara o inverno do 2002 e este ano voltou, ou a querida 3PL2 que este e o 5 inverno consecutivo que inverna no Val Miñor, pero a sorpresa foi un primeiro inverno con anela verde AAUY anelada de polo este ano na pequena illa de Pionierinsel no esteiro do Elbe, en Hamburgo nunha colonia de 140 parellas de gaivotas cabecinegras mixturadas nunha gran colonia de gaivotas canas Larus canus, que supón a primeira observación dun ave deste proxecto na Península Ibérica. Ademais un grupo dunhas 150 gaivotas escuras Larus fuscus das que controlei 6 anelas de cores de gaivotas da Escocia e de Noruega.
E destacable tamén a entrada dun grupo de lavercas Alauda arvensis dende o mar 8 aves en Arealoura e despois dous grupos de 8 e 10 aves na praia Ladeira, en Baiona.