domingo, octubre 08, 2006

O habitual paseo polas praias do Val Miñor con Rafa e Tito Salvadores, hoxe Domingo deixou poucas novidades, aínda así o día estivo entretido. Comezamos pola praia de Patos, que continuaba con números moi baixos de aves; 12 gaivotas cabecinegras Larus melanocephalus e media ducias de pillaras reais Charadrius hiaticula. Na seguinte praia, Madorra, primeiro susto, un xuvenil de bilurico patirrubio Tringa totanus cas patas moi amarelas...pasou o susto, ademais varios virapedras arenarias interpres e algunha cabecinegra mais, o mirar o mar un precioso arao común Uria aalge. Na praia de Arealoura xa non estaba a garza da noite nycticorax nycticorax como era lóxico esperar e o peor e que non había tampouco outra cousa, moi pobre de paxarada. Agora tocaba a marisma da Ramallosa, as habituais garzas e garcetas 9 biluricos claros Tringa nebularia e sen dubida a sorpresa da xornada; un cullereiro Platalea leucorodia de 1º ano anelado ( xa vos direi de onde ven), o paseo pola praia ladeira que continua con números moi baixos de limícolas; 4 pilros tridáctilos Calidris alba, 5 pilros comúns Calidris alpina e varios carráns comúns Sterna hirundo. Como de costume acabamos no cabo Silleiro, o paso no mar estaba moi entretido, palleiras pomarinas e parasitas Stercorarius pomarinus e parasiticus, unha ducia de pardelas escuras Puffinus griseus (poucas veces se deixan ver dende terra no sur de Galicia) e paso abundante de negróns melanitta nigra, mascatos, Morus bassanus, carráns comúns Sterna hirundo, pardela mediterránea puffinus mauretanicus, pardela cincenta Calonectris diomedea e algún que outro carolo Alca torda. no cabo sempre damos un paseíño polos campos a procura do paseriforme americano que sempre pasa de largo, alomenos nos nunca o miramos, aínda así unha papuxa común Sylvia communis bastante tarde xa e varias picas da erva Anthus pratensis, primeiras en chegar xunto un picafollas musical Phylloscopus trochilus últimos do paso. Xa na casa a tardiña 3 Andoriñons Apus melba voaban por riba do xardín, unhas poucas parellas están a criar en Monteferro, unha das xoias do Val, aínda así e moi tarde xa para estas aves, non e fácil marchar de aquí ;-).

cullereiro xuvenil alimentandose nunha canle da marisma