jueves, marzo 08, 2007

Chegan os primeiros migrantes o Val



Saíu o sol e as hormonas estouraron nos paxaros. No xardín, os xiríns Serinus serinus partían a gorxa mentres os buitróns Cisticola juncidis voaban os chimpos co seu martélante CHIP CHIP, e mentres arranxaba unhas plantas, un pequeno grupo de andoriñas Hirundo rustica, as primeiras que vexo este ano no Val, tiñan a súa festa particular 15 metros por riba miña, nese momento parei a escoitar un rato e oíanse cantar uns liñaceiros, Carduelis cannabina, verderolos Carduelis chloris, pimpíns Fringilla coelebs, ferreiros Parus major, chascas Saxicola torquata e mais un fermoso macho de rabirrubio Phoenicurus ochuros. Para rematar a faena unha das primeiras volvoretas da primavera pasaba diante de min, unha limoeira Gonepteryx rhamni dun amarelo pálido e ca característica forma de folla das súas ás. Para que non houbese dúbida que isto estaba xa en marcha, esta tarde no Chan do Cereixo, unha pequena turbeira situada na parroquia de Pinzas, (Gondomar) escoitamos o primeiro cuco Cuculus canorus (foto) mentres facíamos un pouco de bici, que está resultando unha boa forma de ollar paxaros.